miércoles, 28 de enero de 2026

ASÍ COMEZOU A NOSA AVENTURA POR EXIPTO

Ao comezar o mes de xaneiro decatámonos de algo moi estraño: Paco non viña á clase 🐱. Botabámolo moito de menos, así que decidimos escribirlle unhas cartas para saber como estaba e contarlle canto o agardabamos. Enviámolas con moito cariño, sen saber moi ben onde podería estar.





Pouco despois, chegou a resposta. Paco escribiunos unha carta moi emocionante na que nos contaba que estaba en Exipto e que alí estaba a vivir unha gran aventura. Pediunos que aprenderamos moito sobre este país tan especial para poder acompañalo na viaxe dende a aula. Ademais, contou que non estaba só: estaba cun outro gato… e incluso nos enviou unha foto 📸😺.


Así foi como comezamos a traballar Exipto na clase.

Comezamos esta aventura seguindo as indicacións de Roto, a nosa mascota da clase, e tamén do propio Paco, que nos ía guiando coas súas mensaxes e propostas.

Traballamos as pirámides, os templos e as casas nas que vivían no Antigo Exipto, e recreámolas utilizando barro, experimentando coas formas e os materiais.




Tamén coñecemos como era a súa vestimenta e creamos a nosa propia. Primeiro fixemos bosquexos, logo experimentamos con diferentes teas e finalmente elaboramos as nosas vestimentas. Para rematar, fixemos un desfile e sacamos fotos moi especiais.







Traballamos tamén as esculturas, creando as nosas propias esculturas con arxila e pintándoas con acuarelas.




Achegámonos ao mundo das momias e dos sarcófagos, e creamos as nosas momias con papel de xornal e fío branco, aprendendo como se facían no Antigo Exipto.


Tamén traballamos os deuses exipcios e realizamos unha actividade na que, na mesa de luz e entre a area, buscamos diferentes pezas para crear os nosos propios deuses, tendo en conta que na cultura exipcia eran representados con cabezas de animais.



Por último, traballamos vocabulario relacionado co Antigo Exipto, incorporando novas palabras mentres seguíamos descubrindo esta fascinante civilización.


Seguiremos con esta experiencia, aprendendo moito máis, investigando, creando e viaxando coa imaxinación da man de Paco e Roto, porque esta aventura por Exipto aínda ten moitas cousas por descubrir 🌍✨

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.