Como xa sabedes, debido á situación que estamos vivindo, o
equipo de infantil reunímonos para confeccionar unhas pautas de actuación
referentes ao traballo que podedes levar a cabo cos vosos fillos ata que a
situación se normalice. Aconsellamos que o alumnado de 5º de Educación Infantil
reforce na casa os seguintes aspectos:
*Dedicar tempo a falar cos nenos, falar das nosas emocións e
sentimentos. Falar con eles sobre a situación que estamos a vivir e a que se
debe. Lavar as mans con frecuencia.
*Que sexan capaces de respectar as quendas de palabra. (Si
estades a falar por teléfono, por exemplo, terán que esperar a que rematedes
para poder falar con vós) e que aprendan a “esperar”. Non se pode ter todo ao momento,
hai que ser pacientes.
*Abotoar/desabotoar, abrir e pechar cremalleiras de
chaquetas. (Podedes probar tamén a atar cordóns dos zapatos si o dos botóns e
cremalleira xa o teñen dominado).
*Agarre da tesoira e recortado seguindo unhas liñas dadas
(rectas e curvas).
*Escritura dos números 1 - 8 seguindo a direccionalidade
correcta (Escritura seguindo patrón de liñas/puntos a repasar e escritura libre
sen patrón). Asociar número(escritura) e cantidade (contar fabas, garbanzos...)
e realizar sumas de xeito sinxelo e manipulativo (teño 2 plátanos e 3 mazás, Canta
froita teño?)
*Escritura das vogais en maiúscula e minúscula. Do mesmo
xeito que os números presentando especial atención na direccionalidade e tamén
a realizar seguindo patrón de liñas/puntos e escritura libre).
*Escritura do seu propio nome de esquerda a dereita, cun
tamaño de letra axeitado e coidando que a direccionalidade das mesmas sexa
axeitada. Coñecer o nome de cada letra que compón o seu nome. (A escritura do
nome en maiúsculas. Coido que, para eles, realizar os trazos en minúscula é moi
complicado a estas alturas, posto que terían que facelo sen levantar o lapis, pero se os vedes capaces...adiante)
*Ler contos e realizar preguntas de comprensión (de igual
xeito se pode realizar tamén con vídeos que vexan en internet). Xogar a
descubrir por que letras comeza determinada palabra do conto oíndo o seu son
(Enfatizar máis ese son ao pronuncialo e comezar por vogais, despois por
consonantes) Xogar a buscar palabras que empecen con...
*Xogar con formas xeométricas (círculo, cadrado, rectángulo,
triángulo e ovalo) buscalas entre as cousas da casa (xoguetes, cacharros de
cociña, adornos...), debuxalas, inventar debuxos con elas...
*Escoitar cancións que impliquen mímica e movemento de dedos,
mans e corpo. Se non podemos saír...bailemos todos xuntos na casa!
*Facer puzzles, debuxar, pintar con pintura de dedos e
pincel, xogar con plastilina, enebrar macarróns con lá, xogar con bloques e
facer torres e series...
*Xogar a saltar cos pés xuntos, pata coxa, camiñar de
puntillas, de talóns, andar a gatas, camiñar por unha liña marcada, xogar ao
escondite, reptar, lanzar e recibir balóns sen que toquen o chan...
Estas pautas son xerais. Coido que sodes conscientes de que
cada neno é único e ten o seu propio nivel de desenvolvemento. NON TEÑEN QUE
SABER FACER TODO Á VOLTA, simplemente vos
propoño algo xeral. Coido que é importante que non perdan a autonomía gañada.
Agora teñen tempo para vestirse e espirse, comer con tranquilidade e ben
sentados sen falar coa comida na boca, falar sen gritar, acostumarse a recoller
xoguetes antes de coller outros novos...e, sobre todo, axudarvos coas tarefas
da casa (facer a cama, poñer e recoller a mesa, facer a comida, poñer a
lavadora, limpar a casa....
É moi importante establecer rutinas diarias (levantarse, ir
ao baño, lavar as mans, almorzar, lavar os dentes, facer tarefas do cole (antes
de comezar, poñer a data (hai cancións dos días da semana e meses do ano en
youtube) , mirar que tempo fai...), xogar, lavar as mans, preparar a comida,
comer, recoller a mesa...etc...).
Sinto moito ter que mandarvos esta mensaxe. Ogallá que
pronto nos volvamos a atopar todos xuntos no cole e que esta situación que
estamos a vivir se resolva do mellor xeito posible.
Unha aperta moi grande para todos e todas. Ata a volta!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.